Charla con Svetlana Romashina

20200518_art_romashina

Fantástica a experiencia que viviron as nadadoras artísticas galegas o pasado xoves 14 de Maio compartindo 1 h de “ Questions & Answers” coa incomparable Svetlana Romashina (5 veces campioa olímpica, 21 veces campioa do Mundo e 10 veces campioa de Europa), quen cunha asombrosa humildade e un tremendo carisma respondeunos preto de 20 preguntas polas nadadoras “máis rápidas” en levantar a man.

A sesión foi marabillosa, xa que dunha forma moi próxima e natural, Svetlana contounos as súas vivencias, os seus máis emotivos momentos no deporte que amamos e mesmo nos deu algún truco para mellorar a nosa execución.

A charla celebrouse pola plataforma Zoom e tivemos preto de 250 participantes. Ademais, transmitimos o evento en Youtube nunha ligazón privada para que as deportistas e familias puidesen seguir o Q&A e pechouse xusto despois da sesión que tivo case 200 visualizacións en directo.

Queremos agradecer a Svetlana por suposto polo tempo que nos brindou, a Lorena Millares (Galega actual adestradora de OvarSincro) que estaba preparada para continuar co evento caso houbese algún problema técnico e a todos aqueles que fixeron posible esta experiencia inigualable. Foi todo un éxito e toda unha honra o poder compartir un intre coa actual campioa do Mundo. Non vos podedes perder cal será a nosa próxima invitada, estade conectados que en breve revelaremos o seu nome.