Tecnificación Natación Artística

20190923_art_tecnificacion

A Fegan dá inicio á tempada de tecnificación en Natación Artística con importantes novidades. Baixo a dirección da adestradora Sandra Montes Ruiz celebráronse dúas xornadas, unha, o sábado, para os clubes da zona norte de Galicia, e outra, o domingo, para a zona sur, dedicadas á toma de contacto de técnicos e nadadores co proxecto e á realización das probas de selección das categorías alevín e infantil.

Ás xornadas acudiron os clubes Sincro Ferrol, Portamiñá de Lugo, ADN. Narón e Sincro Casino da Coruña nas sesións celebradas na piscina de Dorneda (Oleiros); e os clubs RC Náutico de Vigo, Sincro Ourense, Sincro Pontevedra, e Galaico Sincro nas sesións celebradas nas instalacións da Fundación Rías Do Sur (Pontevedra). Os asistentes mostraron gran interese pola oportunidade que este proxecto de tecnificación supón para as súas nadadoras e adestradores, ao estruturarse con novos contidos adicados á observación activa, con detección temperá de talento, e seguimento das seleccionadas, á súa proxección a nivel autonómico e nacional e a dotar aos corpos técnicos dos clubs de novas e actualizadas ferramentas de traballo que aproximen o seu nivel ao dos clubs de primeira orde no ámbito nacional. Trátase, polo tanto, dun proxecto de proximidade, con contacto directo e permanente da Federación con clubs e nadadoras en todos os ámbitos e facetas deportivas da Natación Artística, que proporciona unha asistencia completa segundo as necesidades concretas de cada Club.