Tecnificación de wáter-polo

20190415_wat_tec_sabadell

Do 10 ao 13 de abril, a Federación Galega de Natación, no seu novo Plan de Tecnificación, realizou unha selección de 4 xogadores, despois dunha serie de probas, onde se lles deu a oportunidade de realizar unha concentración cun dos clubes máis potentes de España, o Club Natació Sabadell. Despois dunha serie de conversas cos técnicos e directivos do clube, a Federación chegou a un acordo que enmarcaremos dentro deste novo plan e detallaremos máis adiante. Xandre Rodríguez (C. Marina Ferrol), Samuel Infestas ( Real C. Náutico Vigo), Diego Touriño e Alejandro Andión ( C. W. Pontevedra), participaron nesta actividade xunto co Director Técnico Enrique García.

Despois de 4 intensos días de réxime de adestramento cos equipos do C. N. Sabadell, os xogadores tiveron a oportunidade de achegarse ao alto rendemento e a súa rutina de adestramento, dando en todo momento o nivel e observando como as posibilidades de poder chegar a competir como o seu compañeiro galego Óscar Montes, non están tan lonxe. Isto ten que supoñer un extra de motivación para todos os xogadores e xogadoras galegas, pois o obxectivo deste proxecto é poder realizar máis actividades destas características, e que unha vez finalizan a categoría infantil, continuará o seu seguimento polos técnicos federativos.

Agradecer en particular as xestións e o trato de Ferran Plana, gran culpable de que esta actividade se puidése levar a cabo, Quim Colet, adestrador do primeiro equipo, pola súa acollida e trato, Enric Arnella e Nil Carreiras, que estiveron atentos en todo momento. Agradecer a nivel de directiva especialmente a Xavi Balaguer, pola súa facilidade para realizar os adestramentos e abrirnos as portas do clube. Igualmente agradecer a todo o persoal do C. N. Sabadell, pois fixáronnos sentir como na casa, sendo acollidos dunha forma magnífica. Este foi o comezo dunha serie de actividades que a Federación impulsará de cara a mellorar o nivel do wáter-polo en Galicia a medio prazo.