Reunión técnica Natación Artística

20200427_art_tec_reunión

Nun esforzo por reducir o efecto de desconexión derivado das restricións que para o deporte supón o actual estado de alarma, o pasado día 23 de Abril a encargada do programa de Tecnificación de Natación Artística, Sandra Montes, impartiu unha sesión de tecnificación online entre nadadoras seleccionadas previamente entre as promocións 2006 e 2010. Ao evento incorporáronse tamén numerosas adestradoras dos clubs galegos participantes na tecnificación.

A sesión estruturouse nun esquema de traballo de adquisición de condición física e preparación xeral, parte específica de técnica de natación artística, intenso de flexibilidade e recuperación. Aínda coas limitacións que supón esta iniciativa nova que tenta paliar os efectos do prolongado confinamento, a sesión tivo un alto grao de aproveitamento e, sobre todo, un efecto disruptivo no baixo ritmo imposto pola privación de actvidade deportiva.

A valoración positiva do resultado desta sesión supuxo a programación dunha nova para o próximo día 30 de abril, como preludio doutras iniciativas novas en vías de implementación na natación artística galega, que maximicen o mantemento das nadadoras para unha recuperación da normalidade deportiva.