Carta de renuncia a presidencia da Federación Galega de Natación

20231015_nat_asamblea1

Tras a Asemblea Xeral da FEGAN celebrada no día de onte, decidín presentar a miña renuncia á Presidencia.

Esta decisión vén motivada pola non aprobación por parte da Asemblea das modificacións económicas elaboradas pola Xunta Directiva para endereitar economicamente o desaxuste motivado nas 2 últimas tempadas (balance negativo de 159.244 € ), pero compensado polas 4 anteriores do 2017 ao 2020 (balance positivo 190.566 € ). Tendo aínda unha marxe de manobra de 31.322€, que se non compensamos co orzamento do próximo exercicio, seguiremos con balances negativos levando á federación ao desequilibrio.

Como se poden imaxinar o desaxuste vén motivado en primeiro lugar, pola crise inflacionista destes dous últimos anos que lastra a economía de todos; en segundo lugar, polo rexeitamento para actualizar por parte da asemblea as cotas de participación en competicións de ámbito autonómico (desde 2013) e as licenzas (desde 2017); en terceiro lugar, polo aumento na contratación de persoal que dá servizo aos clubs (Adestradora e Directora Técnica de Natación Artística, Director Técnico de Natación e Responsable de Comunicación) que achegan valor a deportistas, técnicos e clubs da nosa comunidade. Por último, polo aumento das saídas coa Selección Galega a distintas competicións de ámbito estatal e internacional, buscando complementar a acción dos técnicos (pasamos de 2 saídas a 8 asumidas por esta federación).

Ao longo da devandita Asemblea, expuxen as partidas que debe-riamos modificar para alcanzar o equilibrio económico na tempada 23-24. O incremento orzamentario viría polo aumento de:

. 24.000 € aproximadamente a repartir entre os máis de 6.000 licenzas tramitadas a tempada pasada (o incremento supón a metade da subida da inflación desde o 2016).

. 12.000 € nos dereitos de participación a repartir entre os 58 clubs adscritos á FEGAN.

. 19.000 € en axustes dentro da propia federación e accións ou servizos que entendiamos temporalmente prescindibles.

. 19.000 € en incremento de recursos propios por parte da FEGAN.

A Asemblea considerou incrementar minimamente estas partidas, polo que me resulta imposible equilibrar o orzamento da próxima tempada sen recortar os servizos esenciais que prestamos na actualidade.

Por coherencia renunciarei á Presidencia da FEGAN ao longo da semana que entra e na maior brevidade posible convocaranse eleccións respectando os prazos legais.

Finalmente darvos as grazas a tod@s por todos estes anos que me permitistes presidir esta federación e desexarvos a tod@s moitos éxitos deportivos.

Prf. Dr. Carlos Fco. Touriño González