Seguimento ao Wáter-polo Galego a nivel nacional

20201207_wat_oscar

Se a semana pasada faciámonos eco das novidades en División de Honra Masculina con dous representantes galegos, temos que remarcar que o wáter-polo feminino tamén ten representación. Despois da súa volta á competición, Marina Casado, pontevedresa procedente do C. W. Pontevedra, está a disputar actualmente a Primeira División Feminina de Wáter-polo co equipo navarro CD Waterpolo 98 02. Da mesma forma que os mozos, dispútanse en dous grupos, estando o equipo onde xoga Marina no grupo A, e até a data disputou 4 partidos con dúas vitorias e dous empates, o que mantén ao equipo navarro na 2ª posición.

Pola súa banda, esta fin de semana, o C. N. Sant Andreu, onde xoga Óscar Montes, conseguiu unha importante vitoria por 5-6 fronte ao C. N. Mataró, que o sitúa na terceiro praza do grupo B. Pola súa banda o C. N. Sabadell, onde xoga Alejandro Andión, esta fin de semana non disputou ningún partido de liga por estar a disputar a fase previa da Eurocup, onde pasou a oitavos como primeiro de grupo, con tres vitorias fronte ao Jadran Split croata por 9-8, Steaua romanés por 11-9” e o Dinamo ruso por 12-7.