Xornada 4 do Cto. España de Wáter-polo Infantil por CCAA

Unha vez rematado o Campionato de España de Wáter-polo por CCAA, temos que destacar a 6ª praza obtida pola Selección Infantil Feminina, tras perder por un axustado 8-6 fronte a Andalucía. Tras unha curta traxectoria de 4 campionatos de España, cun proxecto que se iniciou hai algo máis de 4 anos, conseguiuse avanzar tanto no terreo deportivo como o número de licenzas a nivel galego. Este traballo e aposta da Federación Galega e clubes está a dar ano a ano os froitos, pois pasamos duns resultados negativos moi avultados, a obter resultados positivos, e este ano competiuse a un alto nivel fronte a seleccións potentes como Madrid, Valencia ou Andalucía. Gran traballo realizado polas nosas xogadoras, Vega (A. C. Waterpolo), Uxía ( C. W. Santiago), Amanda e Carla ( C. N. Coruña), Carla e Raquel (C. Marina Ferrol), María, África e Carlota (Real C. Náutico Vigo), e Izaskun, Iria, Paula e Noa ( C. W. Pontevedra), ademais de agradecer ao seu equipo técnico Sara Fernández e Luís Vilavedra, os cales tiveron moita importancia nestes resultados. Animar a todos os clubes a seguir esta liña de traballo e ás nenas a probar neste deporte cuxa selección feminina crece ano a ano.

Tamén temos que destacar, o gran mérito que ten a Selección Masculina, pois a pesar de que este ano os resultados non acompañaron, esta 13ª praza obtida fronte a Castil y León por 0-10 tennos que facer ver de onde vimos, coas nosas dificultades, aínda que é certo que non podemos conformarnos con estes resultados, polo que temos que facer autocrítica e reconverter un proxecto que xa está a funcionar cun traballo previo das Seleccións Autonómicas con vistas a mellorar a súa formación. Parabéns a Xullo José (A. C. Waterpolo), Yago ( C. N. Coruña), Fernando, Raúl e Samuel ( C. W. Santiago), Martín, Pablo e Iker ( C. W. Pontevedra), e Alejandro, Jorge, Odilo, Omar e Pablo (Real C. Náutico Vigo), así como ao seu equipo técnico Xavi Pérez e Henar de Pablos, pola súa predisposición e traballo realizado. En definitiva, dar os parabéns a todo o wáter-polo galego, e isto continuará con novo proxecto a nivel deportivo e loxístico que seguro dotará de recursos para poder medrar e ser máis competitivos a medio prazo.