Cto. de España de Wáter-polo 3ª División

20180514_cw_santiago

20180514_wat_cw_pontevedra

Esta fin de semana, o Club Waterpolo Santiago e o Club Waterpolo Pontevedra disputaron o Campionato de España de Wáter-polo de 3ª División Masculino . Ambos o equipos desprazáronse a Valencia do 11 ao 13 de maio, obtendo o CW Santiago unha magnífica 2ª posición e o CW Pontevedra unha meritoria 5º posición. Comezou o Campionato cun derbi entre ambos os equipos galegos, onde o resultado final foi de empate a 8 mostrando a gran igualdade entre ambos, decidíndose o resultado final por penaltis, a favor do CW Pontevedra.

Despois deste pequeno tropezo, o CW Santiago realizou un espectacular campionato, indo de menos a máis, con vitorias na fase de grupo por 12-7 ao CW Albacete e 4-10 fronte a Sant Josep, obtendo a 1ª praza de grupo, e por tanto xogando as semifinais fronte ao Godella B, onde se impuxeron por 8-9, o que lles levou a disputar a gran final e loitar por conseguir unha praza na 2ª Nacional Masculina. A final foi fronte ao Turia B, partido cun resultado de 4-16 a favor dos valencianos, onde o equipo galego notou o gran esforzo físico realizado en practicamente 48 horas, con partidos de moita esixencia. Desta forma o CW Santiago obtén unha magnífica 2ª posición, que o deixa ás portas do ascenso.

Pola súa banda, o CW Pontevedra realizou un bo campionato, onde o tropezo na segunda xornada fronte a Sant Josep por 7-5 pasoulles factura, levando ao equipo á 3ª posición da táboa a pesar da súa vitoria fronte ao WP Albacete por 6-19, o que o deixaba fóra das semifinais. Desta forma o equipo xogou pola 5º praza fronte ao Xarda B, cun resultado a favor de 10-4, quedando nunha meritoria 5ª posición. Con estes resultados de CW Santiago e CW Pontevedra, dámonos conta de que a pesar da baixa densidade competitiva que teñen en Galicia, o nivel está a subir ano a ano, resultado do traballo dos clubes, que, xunto coa axuda da FEGAN nas categorías inferiores, están a conseguir achegarse cada vez máis ás ligas nacionais, soñando con poder ter algún día un representante en competición nacional.